Friday 03 de May de 2024

Celebrado o último pleno do mandato 2019-2023


O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o labor dos concelleiros que non repetirán na próxima Corporación, en especial de Jesús Souto.

A sesión constitutiva da nova Corporación municipal celebrarase o sábado a partir das 12:00 horas.

Hoxe celebrouse o último pleno antes da constitución da nova Corporación municipal, que consistiu na aprobación das últimas actas coas que se pon fin ao mandato 2019-2023. Escusaron a súa ausencia na sesión os catro concelleiros do grupo municipal socialista e tamén Adelina Liste, do grupo de goberno.
O alcalde, José Manuel López Varela, tomou a palabra para “agradecer o traballo de todos os concelleiros” durante os catro anos, apuntando que “pechamos unha lexislatura, e para algún tamén acaba un ciclo dedicado á función pública para tratar de mellorar a calidade de vida dos veciños, desde o goberno ou desde a oposición”.

Neste sentido, o rexedor destacou o labor de Jesús Souto durante 24 anos á fronte da concellería de Urbanismo e Obras Públicas “cunha dedicación exclusiva nun departamento complicado” e de Ramiro Bello, a quen se referiu como “o decano da Corporación” tras corenta anos como edil. Tamén citou a dúas concelleiras do grupo popular que non repetirán no próximo mandato, Adelina Liste e Begoña Domínguez, e a Xoán Manoel Sande, que estivo vinte anos no grupo municipal nacionalista.

A todos eles José Manuel López Varela desexoulles “moita sorte na nova etapa profesional e na vida persoal”, lembrándolles que “o Concello da Laracha sempre será a vosa casa”.
Por último, valorou que durante o mandato que agora acaba “moitos asuntos que se trataron nos Plenos fosen aprobados por unanimidade” e agradeceu o labor do persoal do Concello para que puidesen levarse a cabo os temas de interese para a nosa veciñanza.

A sesión constitutiva da nova Corporación municipal celebrarase o sábado a partir das 12:00 horas.